Blogia
d i e g o Giráldez

Antonio Palacios, divulgador do granito porriñés

Antonio Palacios, divulgador do granito porriñés Artigo meu publicado en La Voz de Galicia, sábado 9 de xullo de 2005

"A explotación do granito é hoxe unha das máis importantes e fructíferas actividades económicas das que se desnvolven na vila do Porriño. Así todo, non sempre as canteiras porriñesas gozaron do mesmo auxe quizais por non albiscar, dende o primeiro momento, as múltiples posibilidades de explotación que ofrecían. Ó principio, as canteiras eran pequenas explotacións adicadas á producción de postes para viñedos, « pastas » para o peche de fincas ou material para construccións de carácter humilde- a dureza do granito porriñés non permitía a labra fina para os sillares ou a ornamentación dos edificios do estilo arquitectónico refinado que demandaba a burguesía da época- pero foi a finais do século XIX cando se descubriu unha nova tarefa para as canteiras : a producción de lastros (adoquín). As principais rúas de cidades como Vigo, ou mesmo O Porriño a partires do ano 1906, pavimentáronse cos lastros extraidos das canteiras de Atios. Esta nova actividade representou ser o primeiro impulso e o espertar dun sector que, na vila do Louro, vive en continua prosperidade.
Sen dúbida, un dos primeiros divulgadores do granito porriñés foi o arquitecto Antonio Palacios. O técnico, moi dado sempre á experimentación cos materiais constructivos, convertiu ó granito no seu predilecto e escomezou a explotar as súas posibilidades plásticas na procura do xogo expresivo en conxunción con outros materiais (cerámica, ferro, etc). Palacios preséntao pulido, por exemplo, nas columnas do Pavillón da Fonte de Gándara en Mondariz-Balneario (1910) ou no seu estado máis rústico, máis rudo, na súa etapa rexionalista. O técnico porriñés foi, seguramente, o que máis e mellor explotou a expresividade do granito galego e o que, a traveso da súa producción arquitectónica, máis fixo pola súa divulgación e universalización. No Boletín da Sociedad de Fomento de Porriño y su distrito en Bos Aires (outubro de 1923) , por exemplo, atopamos unha nota que sustenta o antes dito. Nela se nos di que por aqueles días chegou a Madrid, cidade para a que Palacios proxectou a meirande parte das súas obras, unha columna de granito sacada das canteiras de Atios e alí mesmo pulimentada para ornamentar o Pazo de Belas Artes da capital. A nota remata dicindo, e cito textualmente, « a corta distancia de Madrid habría encontrado el insgine arquitecto el granito que necesita, pero prefiere ir a buscarlo a mil kilómetros de distancia porque así da remunerativa ocupación a sus convecinos”.
Si ben é certo que o granito é un dos elementos constructivos máis característicos de toda a obra palaciana, non cabe dúbida de que Antonio Palacios, un dos xenios indiscutibles da arquitectura contemporánea, ten que ser para o sector graniteiro galego un dos seus máis importantes referentes".

0 comentarios