Blogia

d i e g o Giráldez

O equipo de redacción da Revista Malladoura, pregoeiro das Festas do Cristo´05

O vindeiro sábado 24 de setembro Rebeca Leboso Fernández, historiadora da arte e redactora da Revista Malladoura, lerá o pregón das Festas do Cristo 2005 en representación do colectivo. Leboso Fernández, convértese na primeira muller porriñesa que le un pregón das festas patronais da vila. A lectura do pregón acompañarase de dúas proxeccións audiovisuais nas que apareceran imaxes antigas das festas e distintas secuencias en formato Super 8 que nos lembraran, por exemplo, como ardeu o edificio do Concello no ano 1976, en plenas Festas do Cristo. Para Malladoura representa ser unha honra poder desexarlle ós porriñeses e porriñesas unhas boas festas desta maneira tan importante.
A celebración do 5 aniversario cun exitoso acto, o incremento das vendas co noso último número, ás felicitacións de diversas entidades culturais de Galicia, o Premio Círculo á Cultura e agora a designación como pregoeiros das festas grandes da vila, fan que este ano 2005 sexa para o colectivo, sen dúbida, un ano para non esquencer e para decatarnos do importante apoio que día a día nos brinda a sociedade porriñesa.

Fraga e a Jerezana, patrimonio artístico

Fraga e a Jerezana, patrimonio artístico

A miña colaboración de xullo de 2005 para a columna mensual do xornal "A Peneira"

"Fraga e o edificio porriñés da Jerezana teñen en común máis do que a realidade permite albiscar. Os dous son de idade avanzada e, seguramente polo número de anos cumpridos, moita xente pensou que o seu papel, a súa existencia práctica, rematou definitivamente. A Jerezana foi un fermoso edificio cunha das máis atractivas fachadas eclécticas da arquitectura urbana porriñesa. A fachada tambaleante de Fraga, diana ideal dun dardo valleinclanesco, protexida aínda polas ondas radioactivas de Palomares, resiste tamén ó paso do tempo, sempre caíndo, basculando, pero aguanta… Á Jerezana se lle acaba de propinar un zarpazo á súa dignidade, a Fraga, non cabe dúbida, tamén…
Entre as paredes da Jerezana, restaurante e pensión, viviu, dende que chegou á Louriña para ser secretario do Concello de Mos en 1917, o poeta da “noite estrelecida” Ramón Cabanillas. Alí o autor, na súa habitación, descorchou versos na intimidade, en pantuflas. Na Jerezana celebrábanse tertulias nas que el mesmo participaba xunto ó doutor Paz Varela ou os irmáns Palacios. Tamén Fraga mantiña tertulias cun Cabanillas aínda que, iso sí, por descontado, menos líricas. Cando o poeta entraba na Jerezana toda a clientela sentía o poder da súa boina, coma se ela fora a responsable de non deixar sair en van as rimas da mente do cambadés. Fraga tamén sentiu o implacable poder da boina e, igual que o restaurante, tivo que manter nutrida á súa “clientela” durante anos, non tanto con lampreas, como con fontes ou puntos de luz nos canexóns.
En fin, a Fraga quédalle, polo menos, a garavata laranxa, un gorro honoris causa a xogo coa bata de casa e un pinico rojo y gualda debaixo da cama. Á Jerezana non lle queda nada. Tan só soportar para sempre o peso do progreso mal entendido, das alturas do descaro. Roubáronlle a súa coroa, as tertulias, a dignidade e as pantuflas rimadas de Ramón Cabanillas".

Antonio Palacios, divulgador do granito porriñés

Antonio Palacios, divulgador do granito porriñés

Artigo meu publicado en La Voz de Galicia, sábado 9 de xullo de 2005

"A explotación do granito é hoxe unha das máis importantes e fructíferas actividades económicas das que se desnvolven na vila do Porriño. Así todo, non sempre as canteiras porriñesas gozaron do mesmo auxe quizais por non albiscar, dende o primeiro momento, as múltiples posibilidades de explotación que ofrecían. Ó principio, as canteiras eran pequenas explotacións adicadas á producción de postes para viñedos, « pastas » para o peche de fincas ou material para construccións de carácter humilde- a dureza do granito porriñés non permitía a labra fina para os sillares ou a ornamentación dos edificios do estilo arquitectónico refinado que demandaba a burguesía da época- pero foi a finais do século XIX cando se descubriu unha nova tarefa para as canteiras : a producción de lastros (adoquín). As principais rúas de cidades como Vigo, ou mesmo O Porriño a partires do ano 1906, pavimentáronse cos lastros extraidos das canteiras de Atios. Esta nova actividade representou ser o primeiro impulso e o espertar dun sector que, na vila do Louro, vive en continua prosperidade.
Sen dúbida, un dos primeiros divulgadores do granito porriñés foi o arquitecto Antonio Palacios. O técnico, moi dado sempre á experimentación cos materiais constructivos, convertiu ó granito no seu predilecto e escomezou a explotar as súas posibilidades plásticas na procura do xogo expresivo en conxunción con outros materiais (cerámica, ferro, etc). Palacios preséntao pulido, por exemplo, nas columnas do Pavillón da Fonte de Gándara en Mondariz-Balneario (1910) ou no seu estado máis rústico, máis rudo, na súa etapa rexionalista. O técnico porriñés foi, seguramente, o que máis e mellor explotou a expresividade do granito galego e o que, a traveso da súa producción arquitectónica, máis fixo pola súa divulgación e universalización. No Boletín da Sociedad de Fomento de Porriño y su distrito en Bos Aires (outubro de 1923) , por exemplo, atopamos unha nota que sustenta o antes dito. Nela se nos di que por aqueles días chegou a Madrid, cidade para a que Palacios proxectou a meirande parte das súas obras, unha columna de granito sacada das canteiras de Atios e alí mesmo pulimentada para ornamentar o Pazo de Belas Artes da capital. A nota remata dicindo, e cito textualmente, « a corta distancia de Madrid habría encontrado el insgine arquitecto el granito que necesita, pero prefiere ir a buscarlo a mil kilómetros de distancia porque así da remunerativa ocupación a sus convecinos”.
Si ben é certo que o granito é un dos elementos constructivos máis característicos de toda a obra palaciana, non cabe dúbida de que Antonio Palacios, un dos xenios indiscutibles da arquitectura contemporánea, ten que ser para o sector graniteiro galego un dos seus máis importantes referentes".

GUÍA sobre a obra porriñesa de Antonio Palacios

GUÍA sobre a obra porriñesa de Antonio Palacios

O Primeiro Tenente de Alcalde, responsable de Industria, Comercio e Turismo, Iván Vaqueiro, informou hoxe da concesión por parte da Xunta de Galicia dunha subvención destinada á elaboración dunha guía adicada ó arquitecto porriñés Antonio Palacios Ramilo, e na que se informará aos visitantes das diferentes obras de Antonio Palacios no Porriño e en Galicia.

Vaqueiro manifestou que o seu departamento traballa dende hai dous anos en distintos proxectos adicados a promocionar a obra de Antonio Palacios, o xenial arquitecto porriñés e potenciar o seu coñecemento a nivel galego, estatal e internacional. Froito destas iniciativas, o Concello está a potenciar un proxecto conxunto con nove municipios de Galicia onde Antonio Palacios realizou os seus proxectos, para crear unha ruta turística denominada “Ruta Palacios”.

Nestes intres, este proxecto agarda impulsar definitivamente a súa constitución tras unha nova reunión que se realizará no mes de setembro e na que se lle solicitará á Xunta de Galicia apoio económico para poñer en marcha este proxecto co que dar a coñecer a un dos máis importantes arquitectos galegos e españois do século XX.

Segundo Iván Vaqueiro, “Palacios é non só un referente por ter sido un dos máis importantes arquitectos de España, senon por ser o gran difusor do granito galego nas súas obras, dando a coñecer así un material que posteriormente acadou fama mundial. É polo tanto, unha maneira de potenciar tanto a súa figura como un dos nosos sectores estratéxicos como é o granito.”

Por outra parte, o Teniente Alcalde informou que a guía será presentada nun acto público que se celebrará o vindeiro 23 DE SETEMBRO na Casa de Cultura do Porriño

Premios Círculo 2005.

Artigo na Voz de Galicia sobre os Premios Círculo 2005

CANS SEN DONO

CANS SEN DONO

Colaboración co xornal "A Peneira" de xuño´05 sobre o Festival de curtametraxes de Cans.

“Dios mío, díjoche eu a ti que en cinco anos Cans desaparece do mapa, menudo desmadre”, dicíalle un veciño da parroquia a outro namentres aliviaban a gorxa coa caña e meneaban o pé ó compás das notas da charanga “Fasidú”…
O Festival de curtametraxes de Cans foi de novo un éxito. A combinación etílica Alfonso Pato-Arela embriagou ós centos de persoas que ateigaron a aldea durante dous días case sen tregua. Pato é un tipo raro con ideas brillantes, rápido, perfeccionista, que de sempre tivo por corazón o motor dun chimpín traqueteante. Arela é capacidade de organización, traballo en equipo e, sobre todo, o refresco necesario que a Louriña demandaba no ámbito do facer cultural e social. O demáis o pon Cans: o espacio, os alpendres e cubertos, o Bar Fortes que, seguramente, é a taberna do sur da provincia onde máis tardou en extinguirse a mirinda e a dúas señoras moi arregladas, en mandil, que se din “mira pra a cámara que imos saír na hora Juique”.
Cans é xa a meca da curtametraxe galega, o “agroglamour” espállase coma unha plaga bíblica e peta forte no peito do chauvinismo francés como dicindo “bótate a un lado”. O Festival da marsellesa nótase, como mínimo, contrarrestado. O Festival de Cans embiste con forza, levanta a alfombra vermella das estrelas e extende unha de pana. A Costa Azul chámase Couso, a limusina chimpín e a “lixeira indisposición” resaca…É que Cans non ten dono, non se queda atado na caseta, nin sequera está vacunado, morde coa rabia nos dentes e, sen dúbida, contaxia.
En Cans as actrices non levan perfume de Dolce y Gabbana, poñen dous puntos de abono no pescozo. Dou fe, pasei por algunha.

Premio Círculo 2005 "Educación e CULTURA"

Premio Círculo 2005  "Educación e CULTURA"

O Círculo Recreativo Cultural do Porriño otorgoulle o Premio Círculo 2005 "Educación e Cultura" á Revista Malladoura "por su meritoria labor en la preservación de la memoria histórica de nuestra villa, recuperando noticia de acontecimientos y biografías de personajes que han ido configurando nuestra idiosincrasia, así como de oficios de nuestros antepasados en su quehacer cotidiano, que la evolución ha dejado en desuso". Sen dúbida, este premio representa para nós unha inmensa honra ademáis dunha inxección de folgos para seguir adiante con esta árdua pero apaixoante tarefa. Somos o premio círculo á Cultura máis xoven da historia do Porriño, Malladoura está considerada coma unha das mellores revistas de HISTORIA LOCAL de Galicia e contamos cun enorme apoio da sociedade porriñesa.Malladoura adícalle un espacio á fotografía de José Moreira e o Museo de Pontevedra faille unha retrospectiva; Malladoura entrevista por primeira vez a Presidenta da "Sociedad Residentes del municipio de Porriño en Buenos Aires" Cármen Fernández Carrera, e, ós poucos meses,a atopamos paseando polos soportais. Malladoura non só investiga,recupera e dá a coñecer- sen nen sequera gozar do salario mínimo- a nosa historia, senón que tamén abre horizontes, aínda que recoñecelo, dicir que malladoura foi o referente para algo, entendo,sería para algúns unha tarefa dificultosa. Cinco anos de traballo e un arquivo documental ben nutrido confirman a nosa humilde tarefa. Gracias C.R.C

Malladoura. Revista Cultural do Porriño.

Na actualidade subdirixo a publicación e presido o Seminario de Estudios que a edita.

A Revista Malladoura, xurdíu no outono do ano 2000, como a primeira iniciativa do Seminario de Estudios Porriñés "Alfredo Bautista Alconero". Vinculada a un proxecto cultural de recuperación histórica, dende entón ven desenvolvendo unha labor de investigación de carácter histórico, antropolóxico, etnográfico, cultural, musical, lúdico,... na procura daquelas sinais de identidade que nos caracterizan como porriñeses e porriñesas. Neste senso, destácase a participación dun grupo diverso de persoas nun proxecto editorial no que a independencia e a libre expresión de opinións diversas, contribuiron a crear unha publicación aberta e cuns obxectivos de sensibilización e difusión do noso patrimonio histórico que ía desaparecendo paulatinametne ata que Malladoura puxo o dedo na iaga denunciando o esquecemento, abandono ou derrubo da nosa historia.

O Seminario de Estudios Porriñés

O Seminario de Estudios Porriñés

O 14 de outubro do ano 2000 constitúese o Seminario de Estudios Porriñés "Alfredo Bautista Alconero", o cal presido dende o seu nacemento. Trátase dunha asociación cultural, plural e independente, que posúe uns fins espécificos: é un colectivo cultural sen ánimo de lucro que naceu para salvagardar, recuperar e refresca-la memoria histórica colectiva da vila do Porriño. É, en definitiva, un promotor da investigación no referente ós aspectos históricos, artísticos, sociais, económicos, etnográficos, etc. que teñan un interese ou un valor patrimonial e que permitan a defensa do patrimonio local e a nosa cultura. O Seminario de Estudios Porriñés traballa dende fai dous anos na ardua, pero apasionante tarefa, de tratar de ordenar tódolos datos, imaxes, comentarios, etc. que se atopan dispersos e, desta maneira, darlle unha forma definida a nosa historia e facilitar a comprensión da mesma. Ademáis, o noso labor tamén vai orientado a fomentar o debate de ideas, as nosas tradicións ou aspectos de interese clave para o pleno desenrolo do noso municipio.

"O Porriño. Arquitectura urbana"

"O Porriño. Arquitectura urbana"

En marzo do ano pasado presentouse á miña primeira publicación. Realizada en colaboración co experto en arquitectura e recoñecido historiador galego José Ramón Iglesias Veiga, "O Porriño. Arquitectura urbana" é un repaso, a modo de catálogo, polos edificios e conxuntos arquitectónicos máis relevantes da vila (con obras de Antonio Palacios, Cominges ou Bar Bóo). Foi editado polo Concello do Porriño e conta cun fermoso deseño da empresa de publicidade Magenta. O traballo de case 200 páxinas, tivo unha excelente acollida non só no Porriño senón tamén no mundo da investigación e arquitectura galegas.

V Aniversario da Revista Malladoura

V Aniversario da Revista Malladoura

O pasado mes de xaneiro a Revista Cultural Malladoura cumpriu 5 anos de vida.Para celebralo organizamos un acto no salón do Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Máis de 200 persoas se deron cita ese dia reforzando así o apoio que a sociedade porriñesa lle brindou á publicación dende o seu nacemento. No acto, diferentes persoeiros da vida política, cultural e social da vila felicitaron a Malladoura. Ademáis proxectáronse, nunha enorme pantalla, imaxes antigas do Porriño así coma un video no que se recollían imaxes da vila, en formato Super 8, de hai máis de corenta anos.

O PORRIÑO CITY.

O PORRIÑO CITY.

Artigo de opinión para o xornal "A Peneira", no cal colaboro, publicado en maio de 2005

"O Porriño sempre se pavoneou con aires de fulana cosmopolita. Dende sempre, case tódalas promesas electorais que se verten no municipio inclúen esa frase pretenciosa e hortera de “queremos facer do Porriño unha gran cidade”. Hoxe, que non é urbe avanzada e cosmopolita aquela na que Zara non abre unha tenda, a vila do Louro está a punto de conseguilo, polo menos en apariencia. Cada día unha nova grúa desencaixa a paisaxe urbana e nos anuncia que unha verruga de formigón brotará naquel solar. Pois ben, xa medimos o progreso en número de placas, temos a pescadilla ó mesmo prezo que nunha gran capital europea e as paredes brancas tapizadas con firmas de spray. Si, xa aparentamos cidade. É certo, non temos catedral barroca, nin palacio real, nin rascaceos susceptibles de seren queimados, nin sequera temos tendas de Loewe ou Cacharel- tivemos Cacharela, iso si- pero todo chegará, acougade, metédelle ó voso pitillo caladas cosmopolitas e ide pedindo vez pra implantarvos un piercing na punta.
Eu, que prefiro o asfalto á herba e un tubo de escape ó repipi trino dun paxaro, profetizo, permitídeme, que nacerá O Porriño City levándose por diante a convivencia de barrio e das portas abertas. O Porriño pobo dilúese coma un calentón de discoteca. Tan só pido que, o día que definitivamente morra, me deixen ser a min, por favor, o seu particular camarlengo".