O PORRIÑO CITY.
Artigo de opinión para o xornal "A Peneira", no cal colaboro, publicado en maio de 2005"O Porriño sempre se pavoneou con aires de fulana cosmopolita. Dende sempre, case tódalas promesas electorais que se verten no municipio inclúen esa frase pretenciosa e hortera de queremos facer do Porriño unha gran cidade. Hoxe, que non é urbe avanzada e cosmopolita aquela na que Zara non abre unha tenda, a vila do Louro está a punto de conseguilo, polo menos en apariencia. Cada día unha nova grúa desencaixa a paisaxe urbana e nos anuncia que unha verruga de formigón brotará naquel solar. Pois ben, xa medimos o progreso en número de placas, temos a pescadilla ó mesmo prezo que nunha gran capital europea e as paredes brancas tapizadas con firmas de spray. Si, xa aparentamos cidade. É certo, non temos catedral barroca, nin palacio real, nin rascaceos susceptibles de seren queimados, nin sequera temos tendas de Loewe ou Cacharel- tivemos Cacharela, iso si- pero todo chegará, acougade, metédelle ó voso pitillo caladas cosmopolitas e ide pedindo vez pra implantarvos un piercing na punta.
Eu, que prefiro o asfalto á herba e un tubo de escape ó repipi trino dun paxaro, profetizo, permitídeme, que nacerá O Porriño City levándose por diante a convivencia de barrio e das portas abertas. O Porriño pobo dilúese coma un calentón de discoteca. Tan só pido que, o día que definitivamente morra, me deixen ser a min, por favor, o seu particular camarlengo".
0 comentarios