CANS SEN DONO
Colaboración co xornal "A Peneira" de xuño´05 sobre o Festival de curtametraxes de Cans.Dios mío, díjoche eu a ti que en cinco anos Cans desaparece do mapa, menudo desmadre, dicíalle un veciño da parroquia a outro namentres aliviaban a gorxa coa caña e meneaban o pé ó compás das notas da charanga Fasidú
O Festival de curtametraxes de Cans foi de novo un éxito. A combinación etílica Alfonso Pato-Arela embriagou ós centos de persoas que ateigaron a aldea durante dous días case sen tregua. Pato é un tipo raro con ideas brillantes, rápido, perfeccionista, que de sempre tivo por corazón o motor dun chimpín traqueteante. Arela é capacidade de organización, traballo en equipo e, sobre todo, o refresco necesario que a Louriña demandaba no ámbito do facer cultural e social. O demáis o pon Cans: o espacio, os alpendres e cubertos, o Bar Fortes que, seguramente, é a taberna do sur da provincia onde máis tardou en extinguirse a mirinda e a dúas señoras moi arregladas, en mandil, que se din mira pra a cámara que imos saír na hora Juique.
Cans é xa a meca da curtametraxe galega, o agroglamour espállase coma unha plaga bíblica e peta forte no peito do chauvinismo francés como dicindo bótate a un lado. O Festival da marsellesa nótase, como mínimo, contrarrestado. O Festival de Cans embiste con forza, levanta a alfombra vermella das estrelas e extende unha de pana. A Costa Azul chámase Couso, a limusina chimpín e a lixeira indisposición resaca É que Cans non ten dono, non se queda atado na caseta, nin sequera está vacunado, morde coa rabia nos dentes e, sen dúbida, contaxia.
En Cans as actrices non levan perfume de Dolce y Gabbana, poñen dous puntos de abono no pescozo. Dou fe, pasei por algunha.
0 comentarios