Blogia
d i e g o Giráldez

E s p a t u l a r i o

CANS SEN DONO

CANS SEN DONO Colaboración co xornal "A Peneira" de xuño´05 sobre o Festival de curtametraxes de Cans.

“Dios mío, díjoche eu a ti que en cinco anos Cans desaparece do mapa, menudo desmadre”, dicíalle un veciño da parroquia a outro namentres aliviaban a gorxa coa caña e meneaban o pé ó compás das notas da charanga “Fasidú”…
O Festival de curtametraxes de Cans foi de novo un éxito. A combinación etílica Alfonso Pato-Arela embriagou ós centos de persoas que ateigaron a aldea durante dous días case sen tregua. Pato é un tipo raro con ideas brillantes, rápido, perfeccionista, que de sempre tivo por corazón o motor dun chimpín traqueteante. Arela é capacidade de organización, traballo en equipo e, sobre todo, o refresco necesario que a Louriña demandaba no ámbito do facer cultural e social. O demáis o pon Cans: o espacio, os alpendres e cubertos, o Bar Fortes que, seguramente, é a taberna do sur da provincia onde máis tardou en extinguirse a mirinda e a dúas señoras moi arregladas, en mandil, que se din “mira pra a cámara que imos saír na hora Juique”.
Cans é xa a meca da curtametraxe galega, o “agroglamour” espállase coma unha plaga bíblica e peta forte no peito do chauvinismo francés como dicindo “bótate a un lado”. O Festival da marsellesa nótase, como mínimo, contrarrestado. O Festival de Cans embiste con forza, levanta a alfombra vermella das estrelas e extende unha de pana. A Costa Azul chámase Couso, a limusina chimpín e a “lixeira indisposición” resaca…É que Cans non ten dono, non se queda atado na caseta, nin sequera está vacunado, morde coa rabia nos dentes e, sen dúbida, contaxia.
En Cans as actrices non levan perfume de Dolce y Gabbana, poñen dous puntos de abono no pescozo. Dou fe, pasei por algunha.

O PORRIÑO CITY.

O PORRIÑO CITY. Artigo de opinión para o xornal "A Peneira", no cal colaboro, publicado en maio de 2005

"O Porriño sempre se pavoneou con aires de fulana cosmopolita. Dende sempre, case tódalas promesas electorais que se verten no municipio inclúen esa frase pretenciosa e hortera de “queremos facer do Porriño unha gran cidade”. Hoxe, que non é urbe avanzada e cosmopolita aquela na que Zara non abre unha tenda, a vila do Louro está a punto de conseguilo, polo menos en apariencia. Cada día unha nova grúa desencaixa a paisaxe urbana e nos anuncia que unha verruga de formigón brotará naquel solar. Pois ben, xa medimos o progreso en número de placas, temos a pescadilla ó mesmo prezo que nunha gran capital europea e as paredes brancas tapizadas con firmas de spray. Si, xa aparentamos cidade. É certo, non temos catedral barroca, nin palacio real, nin rascaceos susceptibles de seren queimados, nin sequera temos tendas de Loewe ou Cacharel- tivemos Cacharela, iso si- pero todo chegará, acougade, metédelle ó voso pitillo caladas cosmopolitas e ide pedindo vez pra implantarvos un piercing na punta.
Eu, que prefiro o asfalto á herba e un tubo de escape ó repipi trino dun paxaro, profetizo, permitídeme, que nacerá O Porriño City levándose por diante a convivencia de barrio e das portas abertas. O Porriño pobo dilúese coma un calentón de discoteca. Tan só pido que, o día que definitivamente morra, me deixen ser a min, por favor, o seu particular camarlengo".