Blogia
d i e g o Giráldez

Fraga e a Jerezana, patrimonio artístico

Fraga e a Jerezana, patrimonio artístico A miña colaboración de xullo de 2005 para a columna mensual do xornal "A Peneira"

"Fraga e o edificio porriñés da Jerezana teñen en común máis do que a realidade permite albiscar. Os dous son de idade avanzada e, seguramente polo número de anos cumpridos, moita xente pensou que o seu papel, a súa existencia práctica, rematou definitivamente. A Jerezana foi un fermoso edificio cunha das máis atractivas fachadas eclécticas da arquitectura urbana porriñesa. A fachada tambaleante de Fraga, diana ideal dun dardo valleinclanesco, protexida aínda polas ondas radioactivas de Palomares, resiste tamén ó paso do tempo, sempre caíndo, basculando, pero aguanta… Á Jerezana se lle acaba de propinar un zarpazo á súa dignidade, a Fraga, non cabe dúbida, tamén…
Entre as paredes da Jerezana, restaurante e pensión, viviu, dende que chegou á Louriña para ser secretario do Concello de Mos en 1917, o poeta da “noite estrelecida” Ramón Cabanillas. Alí o autor, na súa habitación, descorchou versos na intimidade, en pantuflas. Na Jerezana celebrábanse tertulias nas que el mesmo participaba xunto ó doutor Paz Varela ou os irmáns Palacios. Tamén Fraga mantiña tertulias cun Cabanillas aínda que, iso sí, por descontado, menos líricas. Cando o poeta entraba na Jerezana toda a clientela sentía o poder da súa boina, coma se ela fora a responsable de non deixar sair en van as rimas da mente do cambadés. Fraga tamén sentiu o implacable poder da boina e, igual que o restaurante, tivo que manter nutrida á súa “clientela” durante anos, non tanto con lampreas, como con fontes ou puntos de luz nos canexóns.
En fin, a Fraga quédalle, polo menos, a garavata laranxa, un gorro honoris causa a xogo coa bata de casa e un pinico rojo y gualda debaixo da cama. Á Jerezana non lle queda nada. Tan só soportar para sempre o peso do progreso mal entendido, das alturas do descaro. Roubáronlle a súa coroa, as tertulias, a dignidade e as pantuflas rimadas de Ramón Cabanillas".

1 comentario

Chiño -

Ligar a Fraga coa Xerezana e gañas de jodela e riza-lo rizo, inda que están en estado ruinoso, pero tí eres escritor cachondo e podes con iso e mais. De certo que é lamentable a solución arquitectónica (se hai algunha) que se adoptou coa Xerezana. Máis afortunada parece a dos calzados. So me queda un consuelo pensar que o muro non foi derrubado para reconstruilo posteriormente unha vez numerado - si é que non recordo mal- senon que se traballou no sitio. Algo de maxia todavía impregna entón esas paredes inda que co PESO do progreso sobre o lombo da Xerezana. Un peso semellante do progreso o que parece soportar o expresidente Fraga.